Sunday 05 de May de 2024

O Concello aplaude as asociacións “pola súa colaboración en todas as iniciativas municipais”


A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación entregou os diplomas de formación ás persoas que participaron no programa da Escola de Participación nunha nova edición con contidos marcados pola crise sanitaria da Covid-19 e dirixida especialmente ao voluntariado, co fin de ofrecer unha formación adecuada para a súa protección individual
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, entregou os diplomas de formación ás persoas que participaron no programa da Escola de Participación e que remataron con éxito o curso sobre medidas preventivas e de protección persoal para a Covid-19.
A concelleira sinalou que “estes cursos foron deseñados para adaptarse ás circunstancias especiais que estamos vivindo, ofrecendo ferramentas esenciais para a prevención de contaxios da Covid e para que todas aquelas persoas que traballades en ámbitos especialmente sensibles, como as e os voluntarios, tivésedes unha formación adecuada para a vosa protección individual”.
A concellería que dirixe Yoya Neira puxo en marcha unha nova edición da Escola de Participación con contidos marcados pola crise sanitaria do coronavirus e dirixida especialmente ao voluntariado, que desde o inicio da crise vén colaborando activamente co Concello e coas entidades do terceiro sector, prestando apoio a moitas familias que se viron afectadas pola situación.

Neira apuntou que “máis da metade das persoas que participastes nestes cursos sodes voluntariado municipal e colaborades nas áreas de Participación, Bibliotecas e Deportes” e destacou “a participación de persoas pertencentes ao tecido asociativo da cidade, tanto veciñal, como social ou deportivo” xa que “as vosas entidades son un exemplo a seguir, sempre participativas e colaborativas con todas as iniciativas municipais”. A edila asegurou que “unha das experiencias máis gratificantes da miña traxectoria política foi ver no comezo da pandemia como en menos de 24 horas máis de 500 persoas, moitos estades aquí presentes, daban un paso adiante ante o chamamento do voluntariado organizado polo Goberno que dirixe Inés Rey”.
Durante o ano 2020, a Escola de Participación impartiu 14 cursos presenciais sobre medidas preventivas e de protección persoal e 3 cursos en liña de 20 horas de duración cada un sobre primeiros auxilios básicos. En total, participaron nesta iniciativa de formación máis de 200 persoas, que realizaron 28 horas de formación presencial e 60 en liña.